julio 3, 2022 | Noticias | , ,

Recoñecemento internacional para a investigación do Sergas dirixida a minimizar os efectos negativos da exposición á radiación

Recoñecemento internacional para a investigación do Sergas dirixida a minimizar os efectos negativos da exposición á radiación

A Sociedade de Medicina Nuclear e Imaxe Molecular dos EUA e Canadá acaba de recoñecer á investigadora Mercedes Riveira Martín do SERGAS o mellor traballo internacional no último congreso desta sociedade norteamericana. O traballo, integrado tamén no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, desenvólvese dentro do proxecto SINFONIA, un proxecto de catro anos no que participan 14 socios de diferentes perfís (universidades, institutos de investigación, hospitais e socios industriais), como o Hospital Universitario de Xenebra, e cuxo principal obxectivo é desenvolver novidosas ferramentas TIC, como intelixencia artificial ou análise computacional, para paliar os efectos nocivos da radiación sobre a saúde en doentes e persoal. SINFONIA está representado en España por dous socios estratéxicos, CESGA e SERGAS.

As comunicacións presentadas por este grupo de investigación, liderado por Antonio López Medina, obtiveron un destacado protagonismo, xa que este recoñecemento súmase á aceptación de tres traballos como comunicacións orais noutros tres congresos europeos, dando conta do posicionamento da investigación do Sergas no ámbito internacional. “Sen dúbida, son fitos que nos impulsan a seguir traballando nesta liña enfocada a reducir ó máximo os efectos nocivos da exposición á radiación, a través de solucións tecnolóxicas de vangarda que contribúan a mellorar a calidade e a esperanza de vida dos pacientes”, segundo explica o xefe de servizo de Radiofísica de Galaria, Manuel Salgado. “De feito, en setembro organizaremos no Hospital do Meixoeiro de Vigo outro curso de gran alcance sobre doses personalizadas e procedementos máis adecuados no campo da medicina nuclear, que nos dá unha idea do excelente papel do Sergas neste consorcio e a confianza dos outros socios”, conclúe.

SINFONIA, Intelixencia artificial para reducir os efectos adversos da exposición á radiación

SINFONIA é un proxecto de investigación de catro anos, financiado con seis millóns de euros polo programa H2020-Euratom. Formación de alta calidade dirixida a diferentes profesionais médicos e compartir coñecemento entre sociedades científicas de referencia son os eixos do programa. SINFONIA conta en España coa representación de só dous socios: o CESGA e o SERGAS; este último representado a través de tres institucións: o propio SERGAS, Galaria e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

A principal finalidade do proxecto é desenvolver novas ferramentas TIC e metodoloxías que se probarán en dous exemplos clínicos, o linfoma e os tumores cerebrais benignos e malignos.

Os obxectivos fundamentais de SINFONIA son:

  • Desenvolver ferramentas de estimación de dose baseadas en métodos de dosimetría personalizados, ferramentas computacionais avanzadas, impulsadas por intelixencia artificial (IA).
  • Realizar investigacións sobre a sensibilidade individual á radiación e a susceptibilidade ás segundas neoplasias malignas para a avaliación do risco en medicina.
  • Desenvolver unha nova ferramenta de avaliación do risco de radiación do paciente e estimar as incertezas
  • Realizar investigacións para apoiar a avaliación do risco de radiación para o persoal, as colchas, o público e o medio ambiente.
  • Desenvolver e operar unha plataforma para datos de dose, imaxe e non imaxe.
  • Proporcionar educación e formación multidisciplinar.

 

 

 

Leave a Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

© RPG 2021 | Todos los derechos reservados