febrero 24, 2023 | Noticias | , ,

O CITIC da UDC e ASPACE Coruña implican a institutos de toda Galicia para mellorar o día a día das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía

O CITIC da UDC e ASPACE Coruña implican a institutos de toda Galicia para mellorar o día a día das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía

Un adaptador 3D para as portas do centro de ASPACE Coruña, unha mesa sensorial, unha app para mando de tv adaptado ou a impresión 3D dunha boquilla para pintar.  Estes son algúns dos retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE Coruña, que xunto co CITIC da UDC está a levar a cabo a terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos, un programa que ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado e dar visibilidade á discapacidade. Arredor de 200 estudantes de secundaria están a participar neste programa que por primeira vez se estende a centros de toda Galicia. Precisamente, no día de hoxe un deses colexios, Carmelitas de Ourense, puido coñecer na propia sede de  ASPACE,  en Sada, as barreiras ás que se enfrontan a diario as persoas con parálise  e tamén como a través da tecnoloxía os propios alumnos e alumnas de 3º da ESO poden contribuír a mellorar a súa calidade de vida.

A coordinadora de ASPACE Coruña, Iria Robles, explicoulle aos estudantes algúns dos proxectos desenvolvidos en edicións anteriores e presentoulle tamén os retos  que deberán abordar durante este curso. Entre as propostas expostas está o desenvolvemento de videoxogos clásicos para usar en terapias de rehabilitación e a adaptación 3D de premedores do cabezal dunha cadeira de rodas. Así mesmo, a xornada enmarcase dentro das visitas presencias que se están facendo aos centros educativos, “despois de dous anos de restricións debido á pandemia, retomáronse estas visitas presencias, nas que os estudantes coñecen de primeira man as barreiras as que se enfrontan no día a día a persoas con parálise cerebral, que é un paso previo esencial para poder buscar solucións tecnolóxicas coas que dar resposta ás súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida”, explicou o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

Na mesma liña, Ricardo Iglesias Sanmartín, xerente de ASPACE Coruña, díxolle ao alumnado:  “temos que traballar para que as persoas con parálise cerebral acaden a plena inclusión e unha maneira de facelo é propoñendo retos que melloren o seu día a día. Pódovos asegurar que cando chegue o mes de xuño a relación que tedes con eles vai cambiar a vosa perspectiva e a vosa visión das persoas con discapacidade”.

 

 

 

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da UDC  xunto con ASPACE promove este proxecto colaborativo que conta co apoio do Consello Social da Universidade , a FECYT, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Precisamente, o convenio asinado recentemente coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta  propiciou que o programa Talentos Inclusivos se estendese a centros educativos de toda Galicia coa participación do Colexio Carmelitas de Ourense, xa que anteriormente estaba centralizado na provincia da Coruña.

 

Dez centros participantes

O programa “Talentos Inclusivos” chega nesta terceira edición a dez centros educativos de Galicia, na súa maioría situados na provincia da Coruña. Concretamente, en sete deles xa se levaron a cabo as primeiras xornadas provinciais. Trátase dos colexios Calasanz (A Coruña); o IES Rego da Trabe (Culleredo); IES Terra de Trasancos (Narón), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sofía Casanova e Saturnino Montojo (Ferrol) e o IES Miraflores (Oleiros); quedando pendentes a realización destas actividades de sensibilización en outros dous centros (IES As Mariñas de Betanzos e o IES Ortigueira), aos que hai que sumar a que tivo lugar este venres en ASPACE Coruña.

As xornadas perseguen un dobre obxectivo, por unha banda dar a coñecer e sensibilizar ao alumnado sobre a situación e barreiras as que se enfrontan as persoas con parálise cerebral e, pola outra, propoñerlle retos para abordalas e contribuír deste xeito a mellorar a súa calidade de vida.

 

Sobre ASPACE Coruña

ASPACE Coruña é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1977 que ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e das súas familias, poñendo á súa disposición os recursos necesarios para promover o seu desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades. A entidade atende na actualidade a 124 persoas con parálise cerebral a través de diferentes recursos (Atención Temperá, Centro Educativo, Centro de Día e Centro Residencial) e unha plantilla de máis de 110 profesionais. Conta con servizos rehabilitadores, educativos e de integración e actividades e proxectos cunha clara aposta pola innovación para que estas persoas teñan unha vida plena e feliz.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

 

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Leave a Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

© RPG 2021 | Todos los derechos reservados