noviembre 23, 2021 | Noticias | , , , , ,

Ciencia de portas abertas á sociedade

Ciencia de portas abertas á sociedade

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021.-Os centros singulares de química, física, medicina molecular e tecnoloxías intelixentes abriron as súas portas o pasado sábado para amosar o máis destacado da súa actividade investigadora. O CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) ofreceron a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científic@ nesta xornada aberta á sociedade na que os máis de 700 participantes (218 CiQUS, 205 CiMUS, 202 CiTIUS e 154 IGFAE) tiveron ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento integral.

Un encontro con presente e futuro

Desde o CiQUS, o seu director científico, José Luis Mascareñas, e a súa directora adxunta, Dolores Pérez, consideran que é “importante para a sociedade saber que en Santiago existen centros de investigación moi competitivos que abordan retos científicos de primeiro nivel e xeran coñecemento de fronteira, que participan en proxectos líderes internacionais e contan co recoñecemento e financiamento dos programas máis competitivos”. Ademais da súa aposta xeral pola divulgación científica, consideran que o desenvolvemento destas xornadas “é unha cuestión de responsabilidade: somos centros universitarios e a nosa actividade está apoiada principalmente con fondos públicos (rexionais, nacionais e internacionais), polo que, ademais de servir á sociedade a través da nosa actividade investigadora e formativa, temos a obriga de facela partícipe do noso traballo: que coñeza o que facemos, que retos científicos abordamos, algúns dos nosos logros, etc.”

Segundo o director científico do CiMUS, “o futuro de Ciencia Singular está garantizado porque desde os centros organizadores temos o convencemento de que formamos parte da sociedade e nos debemos a ela. Queremos transmitirvos que moitos dos problemas de saúde que nos preocupan a todos centran o noso traballo. Na actualidade inclúese desde algunhas patoloxías moi prevalentes como enfermidades neurodexenerativas, distintos tipos de cancro, diabetes-obesidade ou enfermidades cardiovasculares. Xunto a estas, traballamos intensamente nalgunhas das patoloxías consideradas “raras”. “En resumo, segundo apunta a subdirectora do CiMUS, Mabel Loza, “queremos transmitirvos o noso esforzo para coñecer mellor os mecanismos responsables da enfermidade, para obter mellores biomarcadores que permitan diagnósticos máis precisos e rápidos e, evidentemente, mellorar o seu tratamento”.

Senén Barro, director científico do CiTIUS, está convencido de que o mellor futuro para Ciencia Singular é que “sigamos facendo investigación singular. Insiste na necesidade de abrir a investigación á sociedade desterrando así a idea errónea de que son bunkers. O evento é unha obriga que ademais busca espertar vocacións científicas, achegar sobre todo o público feminino, “minoritario na nosa contorna, e romper tabús e barreiras coa xente maior, máis lonxe do noso traballo”. Paula López, directora adxunta do CiTIUS, opina que é importante que a sociedade entenda e sinta como propia a investigación que se fai en Galicia porque “é esencial para o noso crecemento como sociedade”.

Carlos A. Salgado, director do IGFAE, sostén que os centros singulares “son sociedade, están na sociedade e crean sociedade. Polo tanto, estas xornadas de portas abertas permiten que persoas que no seu día a día desenvolven actividades moi diferentes poidan tamén apreciar estas contribucións e sentirse identificadas”. E engade: “a maioría das actividades están especialmente deseñadas para nenos e mozos nas idades en que están a formarse unha idea do universo, do mundo e tamén da sociedade; a actividade científica é unha actividade tremendamente social e estimular a imaxinación e a motivación polo saber é un rol fundamental dos centros de investigación modernos. Isto promove vocacións científicas e crea cidadáns libres e informados”.

Obradoiros de ciencia e divulgación a pé de laboratorio

Durante a actividade “Conversas cos nosos investigadores” do CiQUS Diego Peña, María Tomás, Moisés Gulías, Rebeca García, Francisco Rivadulla, Ester Polo, Eddy Sotelo e Manuel Ortuño amosaron o traballo que desenvolven habitualmente e os últimos avances nos seus respectivos campos.

Xogando coa química foi a acción do CiQUS dirixida ós máis pequenos mediante obradoiros nos que puideron descubrir a química dos polímeros ou a importancia que teñen os cambios de cor na Química. Tamén puideron observar diversos fenómenos luminiscentes e entender como suceden; ademais de realizar coas súas propias mans algúns dos experimentos máis divertidos. Por outro lado, na aventura Infiltrados no Laboratorio, os asistentes coñeceron de primeira man o emprego de técnicas habituais e o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

O programa do CiMUS ofreceu charlas divulgativas sobre as claves do xigantismo e novas abordaxes da man de Clara Álvarez; puidemos saber, grazas a Ángel Carracedo, que é e por que é importante a medicina personalizada; Fernando Domínguez respondeu á pregunta de se o cancro é unha enfermidade hereditaria; e os asistentes souberon por que durmimos, da man de Olga Barca.

 Aprender a elaborar un dentífrico natural ou saber máis do pH da lombarda foi posible grazas ós obradoiros de Ciencia Divertida do CiMUS. Para os máis maiores houbo obradoiros de divulgación sobre ilusións sensoriais, plaquetas “Dr. Jeckyll & Mr. Hyde” ou autopistas da vida do sistema vascular; e tamén ocasión para cargar mostras en xeles de agarosa ou de lévados.  O centro abriu ademais as portas da plataforma Innopharma dedicada ó descubrimento temperán de fármacos; ademais de poñer a funcionar o obradoiro CiMUS Podcast, con entrevistas en directo a grandes e pequenos, e contar cun tour virtual para amosar as súas instalacións.

O CiTIUS acolleu distintas conferencias con temáticas como a relación entre a Intelixencia Artificial, as imaxes e a saúde (María José Carreira), o agrupamento automático de condicións hidrográficas nas rías galegas (David Losada), a reflexión sobre o final dunha era coa chegada dos supercomputadores ‘Exascale’ (Juan Carlos Pichel) ou a importancia crucial do desenvolvemento de chips (Paula López).

 A principal novidade do CiTIUS nesta edición foi a súa aposta polo aliñamento dos demostradores da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Baixo esta premisa, o encontro amosou de que xeito a investigación do CiTIUS está a contribuír co plan mestre a través de múltiples eidos: dende o desenvolvemento de técnicas que promovan unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente, ata a presentación de algoritmos de detección e seguimento automático de obxectos, pasando polo deseño de máquinas que entenden a linguaxe humana, ou como incorporar unha IA nun circuíto integrado. A visita serviu tamén para achegar a robótica á xente miúda programando un robot ou competindo contra un coche de Scalextric dotado dunha IA.

O IGFAE ofreceu distintas charlas divulgativas de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa que abordaron desde a orixe do universo ata a recente detección de ondas gravitacionais, pasando polo nacemento da física nuclear e o descubrimento de partículas en aceleradores como o CERN.

 Nos obradoiros e demostracións do IGFAE púidose coñecer de forma práctica como funcionan as súas instalacións científicas. Para os máis pequenos, o IGFAE organizou un obradoiro no que experimentaron a gravidade no espazo interestelar e aprenderon conceptos como o espazo-tempo co videoxogo desenvolvido no propio centro “Einstein Rocket”. Os máis maiores construíron os seus propios detectores con pezas de Lego e observaron con cámaras de néboa as partículas cósmicas que bombardean constantemente a Terra. A xornada completouse cunha exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos dos elementos químicos en tres dimensións.

 

© RPG 2021 | Todos los derechos reservados